A I Xornada de Promoción e Comercialización de Produtos Agrarios, celebrada hoxe na Sidrería Camino da Estrada, foi un rotundo éxito de participación e público. Máis de 60 persoas asistiron a un intenso programa de conferencias e mesas redondas, organizado pola Asociación Agraria de Galicia.

Na inauguración do evento, o alcalde da Estrada, José López Campos, destacou que “a Galicia rural ten un gran futuro, porque sen o rural Galicia non ten futuro”. O rexidor estradense sinalou que “no noso país temos uns produtos agrarios de gran calidade, e só nos falta poñelos en valor. Temos que pecha-lo círculo avanzando na promoción e na comercialización”.

 

O presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, abriu as ponencias analizando a nova regulación sobre artesanía alimentaria. “Na nosa organización queremos estar preto dos pequenos produtores. Intentaremos ser o aliado de tódolos agricultores e gandeiros que aposten por elaborar os seus propios produtos, axudándolles en todo o que esté ao noso alcance para que poidan mellorar a súa promoción”.

Intervención do alcalde da Estrada, José López Campos

 

Presentación de proxectos agroalimentarios
A xornada continuou coa presentación de cinco proxectos agroalimentarios desenvoltos por emprendedores galegos. Os asistentes puideron coñecer a evolución da empresa lalinense de produtos lácteos artesanais Kalekói, da man do seu xerente, Alex Moure, e a creación da marca estradense de mel Apícola Cañedo, a través do seu propietario, Martín Cañedo.

Tamén explicaron tódolos pasos que tiveron que dar para emprender os seus proxectos Daniel Arza, o xerente de Caurelor, unha empresa de Folgoso do Caurel que elabora produtos artesanos como marmeladas ou crema de castañas; e Carlos Brea, o creador da Cervexa Ecoloxíca Toupiña, que se produce no pobo lalinense de Lagazós.

O anfitrión da xornada, Nicolás Andión, o fundador e dono da Sidrería Camino, ubicada en Moreira (A Estrada), foi o último emprendedor que contou aos asistentes a súa experiencia como elaborador de produtos agrarios artesanais.

No evento, organizado hoxe na Estrada pola Asociación Agraria de Galicia, os numerosos asistentes puideron coñecer cinco proxectos agroalimentarios de emprendedores galegos

Exemplo de éxito
A xornada continuou coa intervención do secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro, que falou de “Promoción, apertura de mercados e internacionalización.

O rector da D.O. pontevedresa animou aos novos emprendedores asegurando que “non hai un tamaño mínimo para que unha empresa exporte. Na D.O. Rías Baixas hai adegas que só elaboran 4.000 ou 5.000 botellas, pero que venden máis da metade da súa produción no estranxeiro con gran éxito”.

Novo PDR
Na clausura do evento, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiros, destacou que “a Xunta de Galicia está deseñando un novo Plan de Desenvolvemento Rural. Para que sexa realmente eficaz, pídovos a tódolos produtores rurais que aportedes a vosa experiencia para que nos axudedes a tomar as medidas necesarias para axudar ao crecemento do medio rural galego”.

Ao finalizar a xornada, os asistentes puideron disfrutar dunha degustación de produtos agroalimentarios.

Comments are closed.