A Asociación Agraria de Galicia valora moi positivamente a declaración de Pontevedra como provincia oficialmente indemne de tuberculose bovina, según os regulamentos da Unión Europea. A decisión foi adoptada onte en Bruxelas por unanimidade de tódolos estados membros, nunha reunión do Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos.
O presidente da organización, Francisco Bello, asegurou que “debemos sentirnos moi orgullosos do inmenso esforzo que supuso para os gandeiros galegos cumprir con tódalas condicións impostas a nivel estatal e comunitario. Durante máis dun cuarto de século, os produtores bovinos tiveron que aplicar os escrupulosos programas nacionais de erradicación, a través de intensas campañas anuais de saneamento que esixiron un importante custo económico aos propietarios das explotacións de vacún”.
Para acadar o recoñecemento que se fixo público onte que se oficializará en xaneiro coa súa publicación no Diario Oficial da Unión Europea, os gandeiros tiveron que superar os continuos e rigurosos exames realizados polos servizos veterinarios da administración. A Xunta colaborou na consecución deste éxito a través das indemnizacións ás explotacións afectadas polos sacrificios obrigatorios das reses infectadas, e das axudas para a realización de baleiros sanitarios nos rabaños afectados, o control dos pastos e a limpeza e desinfeccións das explotacións positivas. Só deste xeito foi posible que se observase un continuo descenso da persistencia do patóxeno nas gandarías galegas.
O gran esforzo dos gandeiros galegos fixo posible que o primeiro territorio español non insular que acadase este recoñecemento da Unión Europea fose da nosa comunidade
[heading]Enfermidade infecto-contaxiosa[/heading]
Debemos lembrar que a tuberculose animal é unha enfermidade infecto-contaxiosa crónica grave, provocada por bacterias do complexo Mycobacterium Tuberculosis. O maior perigo desta patoloxía para a saúde pública é que afecta indistintamente aos animais e ás persoas.
Pontevedra converteuse na primeira provincia española non insular que acadou este recoñecemento tras cumprir o criterio da lexislación comunitaria, que obriga a que durante seis anos a porcentaxe de rabaños nos que se confirmara a presenza de microbacterias Mycobacterium tuberculosis non supere o 0,1%, así como a que, coma mínimo, o 99,9% dos rabaños existentes estean cualificados como oficialmente indemnes fronte a tuberculose.
[heading]Horizonte 2021[/heading]
No que se refire ao resto de Galicia, a prevalencia da enfermidade na nosa comunidade é do 0,02%, un dato moito mellor co da media nacional que é do 2,32%, existindo territorios con valores superiores ao 12%. Según a valoración da Xunta, “se logramos manter esta tendencia, a principios de 2021 poderíase solicitar á Comisión Europea o status de provincias oficialmente indemnes de tuberculose bovina para A Coruña, Lugo e Ourense.
Comments are closed.