• galego
  • Español

ASAGA reitera que non existe ningunha razón de mercado que xustifique a baixada dos prezos do leite

Felicita a Naturleite polo compromiso amosado de manter os actuais prezos do leite e amosa o seu desexo que outras industrias sigan este comportamento

Ante o anuncio realizado esta mañá pola empresa Naturleite de manter o prezo do leite que paga aos gandeiros galegos, a Asociación Agraria Galega manifesta a súa satisfacción polo compromiso amosado pola empresa e reitera que non existen na actualidade razóns de mercado que xustifique a baixada do prezo na negociación dos vindeiros contratos.

ASAGA valora a resolución anunciada por Naturleite e amosa o seu desexo de que outras industrias sigan tamén este comportamento nunha clara aposta polo gandeiro galego.

Tal e como vén reiterando nos últimos días, para ASAGA non existe ningunha razón obxectiva que xustifique unha baixada do prezo do leite, a pesar de que algunhas industrias lácteas o estaban suxerindo.

Dende ASAGA ínstase ás industrias compradoras a que sigan o compromiso anunciado por Naturleite apostando polo produto galego e tamén pola rendibilidade para os gandeiros. Ademais, diríxese ás administracións a que convoquen as partes para analizar a situación e intervir e evitar así que se produzan rebaixas totalmente inxustificadas.

Hai que sinalar que os prezos dos produtos lácteos ao consumidor estanse a manter nas cadeas de distribución sen graves alteracións e os prezos nos mercados mundiais dos produtos lácteos incluso están a subir. Polo tanto, non existen razóns obxectivas para ningunha rebaixa nos prezos que perciben os produtores de leite.