O texto foi aprobado polo Consello de Medio Ambiente unicamente cos votos necesarios para que continúe a súa tramitación
A Asociación Agraria de Galicia – ASAGA, vén de reiterar o seu convencemento de que a futura Lei europea de Restauración da Natureza suporá graves prexuízos para o agro galego, con “consecuencias económicas devastadoras para o sector agropecuario tanto galego coma español onde case o 40% da superficie total se verá afectada, convertendo a agricultura e a gandeiría en actividades non rendibles”.
ASAGA reitera a súa posición despois de coñecer que o Consello de Medio Ambiente aprobase o texto desta Lei cos votos necesarios ao límite para a súa tramitación. Trátase dun texto polémico a xuízo da organización agraria que provocará discordancias na súa aplicación tanto a nivel rexional, nacional e europeo.
A nova Lei de Restauración da Natureza pretende a recuperación de ecosistemas danados, esixindo a recuperación de polo menos o 20% das zonas terrestres e marítimas para 2030 e co horizonte en 20250 para a acadar o 100%.
O presidente de ASAGA, Francisco Bello, subliña que “esta lei sigue estando fundamentalmente mal preparada e seguirá sendo inaplicable para os agricultores e propietarios forestais”. Ao tempo, destaca que non se tivo en conta nin o principio de subsidiariedade nin a inclusión activa dos agricultores á hora de sumar achegas á elaboración da mesma .
Neste sentido, ASAGA destaca o prexudicial que resulta esta Lei para o sector e a “soberanía alimentaria”. Esta norma abandona os obxectivos da Política Agrícola Común (PAC) e fai totalmente inasumibles a subida dos costes de produción dos alimentos, ademais de que sería imposible aplicar as «cláusulas espello» que esixirían os mesmos estándares de produción aos países terceiros.
Ademais, para moitos dos axentes implicados no seu desenvolvemento, o novo texto adoece de falta de financiamento claro para a restauración dos ecosistemas en toda a Unión Europea.
Comments are closed.