A organización galega súmase ás reivindicacións de agricultores e gandeiros para reclamar prezos xustos, rendibilidade para as explotacións e un futuro digno para o sector agrario.

Unha delegación de ASAGA Galicia, encabezada polo seu presidente, Francisco Bello, participará este mércores, 28 de outubro, na mobilización do campo en Madrid para apoiar as reivindicacións de agricultores e gandeiros e reclamar solucións ante a difícil situación que atravesa o sector agrario.

Baixo a premisa de que «dar de comer ten que dar para vivir», a mobilización reivindica unhas condicións que permitan ás explotacións agrícolas e gandeiras cubrir os seus custos de produción, obter prezos xustos polos seus produtos e garantir a súa continuidade.

ASAGA manifesta a gran preocupación do sector polo incremento dos custos de produción, especialmente do gasóleo agrícola, os fertilizantes, a enerxía e os pensos, así como pola incerteza que afronta o campo ante o futuro da Política Agraria Común (PAC), os acordos comerciais internacionais e o exceso de burocracia.

Entre as principais demandas figuran a posta en marcha de medidas urxentes para aliviar os custos de produción, unha PAC cun orzamento suficiente para protexer as rendas agrarias, o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria para evitar a venda por baixo dos custos de produción, a reciprocidade nas condicións esixidas aos produtos importados e unha simplificación administrativa que permita aos profesionais centrarse no seu traballo.

Desde ASAGA considérase fundamental que estas reivindicacións se traduzan en medidas concretas e compromisos efectivos por parte das administracións. O sector necesita respostas que garantan a viabilidade económica das explotacións, favorezan a incorporación de novas xeracións e aseguren a continuidade dunha actividade esencial para o abastecemento alimentario, o emprego e o mantemento do medio rural galego.

Coa nosa presenza en Madrid, ASAGA reafirma o compromiso da organización profesional coa defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos, que reclaman poder seguir traballando con dignidade e recibir unha remuneración xusta polo seu esforzo.

Leave A Comment