A campaña prolongarase ata decembro de 2026 coa colaboración da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de mellorar as competencias dixitais do sector agropecuario.

A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) desenvolve desde o pasado mes de maio unha campaña de asesoramento e divulgación para impulsar a transformación dixital do sector agrario na provincia de Pontevedra. A iniciativa, que se prolongará ata finais de 2026, ten como obxectivo facilitar a adquisición de competencias dixitais entre os produtores agropecuarios e promover a incorporación das novas tecnoloxías á actividade diaria das explotacións.

O proxecto conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e está orientado a mellorar os resultados económicos, sociais e ambientais das empresas do sector agrario e forestal. Así mesmo, pretende fomentar o respecto polo medio ambiente e reforzar a capacidade de adaptación das explotacións agrarias, favorecendo a incorporación de ferramentas dixitais aos seus procesos de traballo.

Desde ASAGA considérase que a innovación constitúe un elemento fundamental para avanzar cara a un sector agroalimentario e forestal máis produtivo e sostible. Neste sentido, resulta necesario fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre os distintos axentes que forman parte do Sistema de Coñecemento e Innovación Agraria (SCIA).

A iniciativa enmárcase, ademais, na estratexia europea de dixitalización do sector agroalimentario e forestal e do medio rural, que busca impulsar a transición dixital ao longo de toda a cadea agroalimentaria. Entre os seus obxectivos están favorecer o desenvolvemento empresarial e promover novos modelos de negocio, aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e a Industria 4.0 para a diversificación económica.

Para avanzar nesta transformación, a formación continua non regrada, a adquisición de competencias dixitais e o asesoramento especializado resultan esenciais para facilitar a adopción de novas ferramentas tecnolóxicas nas explotacións.

Deste xeito, ASAGA busca contribuír a reducir a fenda dixital entre o medio urbano e o rural, así como entre as pequenas e as grandes empresas. A campaña pretende fomentar o uso de datos, impulsar o desenvolvemento empresarial e facilitar o aproveitamento das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a xestión e a adaptación das explotacións agropecuarias.

Para levar a cabo estas actuacións, un equipo técnico especializado presta asesoramento ás persoas agricultoras e gandeiras que o soliciten a través das oficinas de atención situadas en Lalín e Silleda. Mediante este servizo, ASAGA busca acompañar os profesionais do sector na adquisición de competencias dixitais e avanzar cara a unha actividade agraria máis innovadora e adaptada aos novos retos tecnolóxicos.

Leave A Comment