A reforma da PAC, que leva máis de tres anos en negociacións nas instancias comunitarias, deu un paso importante para a súa adopción nos acordos acadados en “Trílogos” (reunións tripartitas entre Consello, Parlamento Europeo e Comisión), e posteriormente na súa ratificación polo Consello de Agricultura da UE co que remata a presidencia portuguesa. En opinión da Asociacion Agraria de Galicia, posiblemente, o feito máis significativo sexa precisamente o de ter conseguido este acordo, que pecha unha etapa e da paso ás negociacións nacionais para o deseño e aprobación dos Plans Estratéxicos estatais que implementarán a PAC en cada país.

ASAGA sempre se mostrou reticente a moitos dos preceptos que se establecían nas propostas da Comisión, así como no desenvolvemento das negociacións no Parlamento Europeo e o Consello Agrícola, xa que consideramos que se afasta das verdadeiras necesidades do sector fronte a un mundo globalizado, uns mercados cada vez mais volátiles e unhas condicións de competencia internacional cada vez mais duras.

Os compromisos medioambientais e climáticos marcaron, desde o principio, as negociacións da nova PAC, aínda que se viron fortemente alteradas trala publicación das “Estratexias da Granxa á Mesa” e “Biodiversidade do Pacto Verde Europeo”. Tamén sufriron as presións provocadas pola pretensión do Parlamento e especialmente do vicepresidente Timermans, apoiado polos sectores medioambientalistas mais radicais, de impoñer  uns obxectivos, en principio meramente indicativos, como obrigatorios sen que tivesen base legal, nin un estudo do impacto que o avalase.

[heading]Importancia dos Ecoesquemas[/heading]

Lamentablemente, a ambición ambiental e climática que todos podemos compartir, non se ve en absoluto acompañada da súa correspondente maior dotación orzamentaria, se non que deberán ser os propios agricultores e gandeiros os que teñan que afrontar novas e mais rigorosas prácticas baixo o paraugas dos chamados ecoesquemas. Se aspiran a recibir un nivel de pagamentos equivalente ao actual, os produtores terán que sufrir esa presión.

A outra gran novidade da futura PAC reside no papel que van desenvolver os Estados membros á hora de deseñar e executar os obxectivos da PAC en cada país a través dos seus Plans Estratéxicos. Se ben, ata o momento viñéronse desenvolvendo traballos exploratorios de análise, determinación e priorización das necesidades dentro dos distintos obxectivos específicos que a UE marca nos seus regulamentos; agora ábrese a fase de desenvolvemento destes Plans, que necesariamente o ministerio de Agricultura deberá acordar coas comunidades autónomas e os principais implicados na reforma. Os agricultores e os gandeiros.

[heading]Plan Estratéxico español[/heading]

É precisamente nesta fase nacional onde se deberán definir e aclarar moitos aspectos de vital importancia para os nosos productores, tales como o futuro dos dereitos da PAC, a determinación do número de rexións produtivas, a converxencia interna e os seus períodos de aplicación, o control das superficies que terán dereito a pagamentos na futura PAC, os sectores e importes que poderán beneficiarse de pagamentos acoplados á produción, os límites que se impoñan a os ditos pagamentos ou o tratamento que se vai dar ás primeiras hectáreas, o complemento necesario para apoiar a incorporación de mozos á actividade agraria (tanto no primeiro como no segundo pilar); e, por suposto, deseñar o modelo de arquitectura verde a través dos ecoesquemas no primeiro pilar e as medidas agroambientais e outras inversións, dentro do segundo pilar. Estes e outros moitos aspectos aínda quedan por definirse no que será o futuro Plan Estratéxico para España.

É precisamente no deseño, elaboración e posta en marcha deste Plan Estratéxico español onde de verdade se completa a reforma da PAC. É por tanto necesario descender da literatura que conten unha importante carga ideolóxica, como puidemos comprobar, á realidade da situación das explotacións agrícolas e gandeiras en Galicia e en España, coa súa inmensa diversidade produtiva e distintas estruturas a nivel de explotación. En comunidades coma a nosa deben primar os criterios técnicos e agronómicos para así lograr mellorar a rendibilidade, viabilidade e competitividade dos profesionais agrarios.

 

Comments are closed.