A Asociación Agraria de Galicia quere mostrar o seu apoio a todas as persoas afectadas polos incendios que nos últimos días están arrasando Galicia e España. Esperamos que nas próximas horas a situación mellore en todos os concellos onde os lumes continúan activos, ata lograr a súa total extinción.

ASAGA, quere pedirlle ás autoridades que axilicen todo o posible as xestións para conceder as axudas necesarias ás familias e empresas afectadas, e para que poidan recibir os cobros o antes posible. Tamén apoiamos totalmente a declaración de zona catastrófica nos municipios máis afectados, para que se poidan executar neles todas as medidas necesarias para recuperar canto antes os pobos e montes afectados.

Os poderes públicos deben entender que a agricultura, a gandería e os habitantes do rural son a mellor arma para previr a lacra dos incendios

[heading]Aposta polo rural[/heading]

Ante a situación vivida estes días en todo o país, unha traxedia que tristemente se repite todo os anos, o presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, quere manifestar que “a mellor iniciativa que as administracións públicas poden emprender para loitar contra os incendios sería apostar polo medio rural. Está demostrado que as zonas onde se desenvolven traballos de agricultura, gandería e aproveitamento forestal de forma profesional; sufren moitos menos lumes que as áreas despoboadas e nas que a práctica agropecuaria desapareceu ou se convertiu en residual”.

Comments are closed.