A asociación lembra que a Consellería de Medio Rural prohibiu todo tipo de concentracións de gando bovino durante 21 días, como mínimo

Ante algunhas noticias publicadas nas últimas horas de que “se autorizarán os lotes de gando para recuperar as vendas directamente a cebadoiro e matadoiro”, a Asociación Agraria de Galicia vese na obriga de manifestar que, se esa proposta ve a luz, estaríase contradicindo claramente a norma publicada pola Conselleria o pasado luns no DOG, anunciando as medidas cautelares para combatir a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Unha resolución que suspendía “todas as feiras, concursos, certames, subastas, mercados e concentracións de animais en Galicia”, ademais de prohibir a entrada na nosa comunidade autónoma de animais procedentes de zonas declaradas como restrinxidas á DNC. Recuperar as concentracións suporía un grave incumprimento da norma, ademais dun incalculable risco para a cabana bovina galega.

Dende ASAGA queremos destacar que a resolución publicada no DOG alertaba de que “a Dermatose Nodular Contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas, como ao sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza, a nivel xeral”. Unha categorización que esta asociación comparte totalmente. O presidente de ASAGA, Francisco Bello, explica que “esta enfermidade está calificada como de Categoría A pola Unión Europea. Na práctica, iso significa que un único caso positivo nunha explotación obrigaría ao baleiro sanitario da mesma. É dicir, o gandeiro tería que sacrificar a todas as reses, e automáticamente teríase que desenvolver un protocolo de urxencia que restrinxise todo tipo de movemento de gando e derivados, como o leite, nun radio de 20 km, ademais de crear unha zona de prevención de risco medio, que obrigaría á vacunación con vacina viva a todas as vacas que se atopasen nun radio de 50 km. Nesa área, tampouco podería sair o leite, excepto que sexa pasteurizado antes”.

Explotacións seladas

A Asociación Agraria de Galicia quere pedirlles prudencia aos gandeiros ante unha das crises máis graves ás que nos enfrentamos en Europa no que vai de século. Francisco Bello aconsella que, mentres non mellore a situación, “as explotacións de bovino de carne e de leite deberían estar case seladas, e todas as persoas e máquinas que entren nelas terían que estar protexidas con EPI’s ou desinfectadas. Estamos a falar dun virus moi contaxioso que se transmite de calquera xeito. Só con prevención e bioseguridade poderemos combatir esta terrible lacra”.

Ante a falta de accións da Unión Europea, fronte a países como Francia que unilateralmente decidiu prohibir a saída de bovinos ao estranxeiro, pero que si que permite que camións con gando atravesen todo o país e cheguen a España, en Galicia debemos manter a alerta. O presidente de ASAGA quere facer público que “se se producise algún caso de DNC provocado por estas concentracións, ao noso xuizo ilegais, a Asociación Agraria de Galicia tomaría todas as accións xurídicas que estivesen na nosa man para levar ao xulgado aos responsables que por acción ou omisión as amparasen”.

Entre outras peticións, ASAGA solicita que esta enfermidade pase de estar na Categoría A á Categoría B, o que limitaría o “baleiro sanitario”, restrinxindo os sacrificios só aos casos positivos. A Unión Europea tamén debería encargar aos laboratorios que desenvolvan unha vacina preventiva, que se poida suministrar a todo o gando bovino.

Leave A Comment