Dende esta asociación xa se solicitou varias veces que se rebaixase o estatus de protección deste animal, ante as graves consecuencias que podería sufrir o medio rural
A Asociación Agraria de Galicia valora moi positivamente a decisión da Comisión Europea de revisar o estatus de protección do lobo. Dende esta institución comunitaria manifestaron que, “tendo en conta o perigo real que a concentración deste animal supón para algunhas rexións do continente, estudiarase a posibilidade de flexibilizar as condicións baixo as cales estes animais poden ser abatidos”.
A propia presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, afirmou que “a concentración de mandas de lobos nalgunhas rexións europeas supón unha grave amenaza para o gando e, potencialmente, tamén para as persoas”. Ante esta situación, Bruselas decidiu ampliar unha consulta que fixeran en abril, invitando ás comunidades locais, aos científicos e a todas as partes interesadas a enviar datos actualizados sobre a poboación de lobos e o seu impacto en cada zona.
[heading]Anos de reclamacións[/heading]
O presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, quixo destacar que “a nosa organización leva varios anos denunciando que os ataques destes animais cada vez están provocando máis danos nas comunidades agrícolas e gandeiras da Unión Europea. De non dar marcha atrás coa especial protección que se lle deu ao lobo, as consecuencias poderían ser catastróficas para rexións como Galicia”.
A defensa da fauna e flora autóctonas de cada zona son obxectivos polos que sempre loitou tamén ASAGA. Pero esa política debe ser compatible coa gandería, coa agricultura e coa vida nas comarcas rurais de Galicia, España e Europa. “Con esta nova consulta que anunciou agora a Comisión, esperamos que se poida flexibilizar o actual marco legar para protexer tamén os intereses socioeconómicos dos habitantes e produtores do rural, coma as comunidades locais levan anos reclamando”; indicou Francisco Bello.
Comments are closed.