Aprobada a exclusión do lobo ibérico do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o LESPRE. Con 181 votos a favor, 150 en contra e 14 abstencións, o Congreso dos Deputados confirmou a rebaixa da protección deste animal, nunha votación á que asistiu o presidente da Asociación Agraria de Galicia – ASAGA, Francisco Bello.
Bello, firme defensor deste cambio normativo, reuniuse o pasado 27 de febreiro no Congreso con representantes dos grupos parlamentarios de Partido Popular, Partido Nacionalista Vasco, VOX e Junts per Catalunya, así como con membros das asociacións de ASAJA de Asturias, Cantabria e Castela e León. Nestes encontros trasladouse a necesidade de rebaixar a protección deste animal, que se formalizara en setembro de 2021 baixo o mandato da por entón ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera.
Precisamente foron PP, PNV, VOX e Junts os grupos que, cos seus votos, conseguiron sacar adiante a aprobación da rebaixa da protección do lobo. A medida acadouse a través dunha disposición final na Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario, presentada no Senado polo PP e aprobada o pasado 12 de marzo cos votos a favor dos grupos anteriormente citados.
Con este cambio, a estratexia española de conservación do animal adecúase á normativa europea. Desde o pasado 7 de marzo está en vigor a modificación da condición do lobo, acordada polo Convenio de Berna o pasado mes de decembro. Esta medida recollía a rebaixa do estatus de protección do animal, que pasaba de “especie de fauna estritamente protexida” a “especie de fauna protexida”.
A inclusión do lobo no LESPRE situou aos gandeiros nunha situación de indefensión, como lembra o presidente de ASAGA. Francisco Bello pon agora o foco nas autonomías: “Haberá que ver como desde as comunidades autónomas desenvolven os plans de xestión nas autonomías”. Así mesmo, Bello lamentou que “algúns deputados que din defender aos nosos gandeiros votaran en contra da medida”.