• galego
  • Español

ASAGA pide á Deputación de Lugo que reconsidere o incremento das tarifas do Centro de Recría Gayoso Castro

Tendo en conta a difícil situación actual do sector, o ente provincial debería apoiar aos gandeiros asumindo a subida dos costes no seu centro de Castro de Rei

Para a Asociación Agraria de Galicia, a decisión da Deputación de Lugo de aumentar as tarifas do Centro de Recria Granxa Gayoso Castro poder ter unhas consecuencias nefastas para os gandeiros. Ademais, non se trata dun pequeno aumento xa que os produtores pasarán a pagar 3,33 € por animal e día, 0,78 máis do que viñan facendo ata o de agora. Estamos a falar dun incremento superior ao 30%.

O presidente de ASAGA, Francisco Bello, asegurou que “aínda sendo conscientes da subida dos prezos de alimentos e materiais, un centro que depende dunha entidade pública como é a Deputación de Lugo, non debería facer que os gandeiros asuman a subida dos costes de produción. Polo menos, non da totalidade dese incremento tan importante”.

A Asociación Agraria de Galicia entende que a empresa concesionaria non podería continuar prestando o servizo se non se suben as tarifas, pero defende que o ente provincial, que é o titular do centro de recría ubicado en Castro de Rei, podería axudar a un sector imprescindible en Lugo como é o da gandaría asumindo esa subida de costes, ou, polo menos, unha parte da mesma. De non actuar dese xeito, os gandeiros terán moi difícil asegurar a rendabilidade económida das súas granxas. E non debemos esquecer que o obxectivo do Centro de Recría Gayoso Castro e, precisamente, “permitir ás explotacións centrarse en producir leite para conseguir granxas mellor dimensionadas”, tal é como expuso a súa directora, Sonia Verdes, nunha entrevista no medio Campo Galego.

Foto: Campogalego.es