• galego
  • Español

ASAGA participou hoxe en Madrid na manifestación en defensa dos gandeiros para pedir que non aumente a protección do lobo

A Asociación Agraria de Galicia participou hoxe en Madrid na manifestación convocada para protestar contra a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de aumentar o nivel de protección do lobo. A entidade organizadora, a Plataforma en Defensa da Xestión do Lobo “Ganader@ Viv@”, pretende impedir que se efectúe a inclusión deste animal no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPE), unha decisión que podería facerse efectiva antes do 25 de setembro se a ministra Teresa Ribera continúa adiante co seu proxecto de Orde Ministerial. O lema central da marcha foi “E aos gandeiros, quen os protexe?

Unha delegación da Asociación Agraria de Galicia, encabezada polo seu presidente, Francisco Bello, participou activamente no acto portando unha carpanta coa lenda “En defensa dos gandeiros, control do lobo”. A marcha comezou ás 12 do mediodía, na Praza de San Juan de la Cruz, fronte á sede do MITECO en Madrid. A plataforma, da que ASAGA forma parte xunto con outras 36 asociacións, reivindicou  a realidade deste sector coma o principal protagonista dos ataques do animal e a necesidade de manter a súa xestión coma a única ferramenta eficaz para a supervivencia da súa actividade.

Unha delegación da Asociación Agraria de Galicia participou activamente no acto portando unha carpanta coa lenda “En defensa dos gandeiros, control do lobo”