As organizacións agrarias advirten de que a caída de prezos e o aumento de custos sitúan a moitas explotacións ao borde do peche en Galicia e en España
ASAJA solicitou formalmente ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a convocatoria urxente dunha reunión ante a grave situación que atravesa o sector lácteo, especialmente pola baixada dos prezos que a industria está pagando aos gandeiros. Unha petición que conta co apoio da Asociación Agraria de Galicia. Ambas organizacións denuncian que esta tendencia está poñendo en risco a viabilidade de numerosas explotacións, que non logran cubrir os seus custos de produción nun contexto marcado polo encarecemento xeneralizado de insumos como a alimentación animal, a enerxía ou os fertilizantes.
Desde ASAJA advírtese de que o sector lácteo estase convertindo nun exemplo claro da insuficiencia das medidas adoptadas ata agora para soster ao sector agrario. “Estamos vendo cómo, pese ás axudas e anuncios, a realidade no campo é que os números non saen”.
A esta situación súmase un contexto xeopolítico internacional complexo, que continúa tensionando os mercados e elevando os custos de produción, agravando aún máis a situación dos gandeiros.
Desde ASAGA, o seu presidente, Francisco Bello, lamenta que “ao grave problema dos custos de produción, en Galicia hai que engadir o abuso das industrias lácteas ao ofrecer contratos a catro meses con descensos de prezos moi significativos respecto dos anteriores, sen ningunha xustificación de mercado e que están asfixiando ao sector”.
ASAJA insiste en que, se non se adoptan medidas urxentes, o sector enfréntase a un escenario de abandono de explotacións con consecuencias directas sobre o emprego, o tecido rural e a soberanía alimentaria. Por elo, a organización solicitou unha reunión urxente co Ministro para abordar esta problemática e esixir solucións inmediatas que permitan garantir a rendibilidade das explotacións e o equilibrio na cadea de valor.
- Galego
- Español
