• galego
  • Español

ASAGA lamenta que o Goberno non escoite ás rexións afectadas e continúe coa intención de aumentar a protección do lobo

A Asociación Agraria de Galicia non entende que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico continúe coa súa pretensión de aumentar o nivel de protección do lobo. Se xa en febreiro catro comunidades autónomas, Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León; manifestaron o seu total desacordo con esta medida, durante a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada este mércores pola tarde aumentou a once o número de autonomías que mostraron a súa oposición a incluír ao lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Ás catro primeiras, uníronse agora País Vasco, Aragón, Madrid, Murcia Andalucía, Navarra e a cidade autónoma de Ceuta.

 

Dende ASAGA entendemos como imprescindible que o Ministerio, comezando pola titular da carteira, Teresa Ribera, recapacite e escoite o que lle están pedindo a maioría das autonomías do estado (España conta con 17 comunidades autónomas e 2 cidades autónomas). Do mesmo xeito que lle transmitiron hai dous días estas once rexións, a nosa asociación cre que o Goberno debería paralizar esta proposta, polo menos ata que se aprobe co consenso necesario a nova “Estratexia nacional de xestión e conservación da especie”.

Xa son once as autonomías que lle pediron ao ministerio que paralice a inclusión desta especie no Lesrpe

 

As comunidades máis afectadas deben decidir

A Asociación Agraria de Galicia considera que antes de que o Ministerio tome unha decisión desta importancia debe consensuala con todas as autonomías en xeral, e coas máis afectadas en particular. E é que non debemos esquecer que o 95% das poboacións de lobo de todo o país atópanse nas rexións ubicadas ao norte do río Douro. Ata este momento, son elas as que están asumindo en solitario a xestión cinexética desta especie. Pola súa experiencia na materia, son estas autonomías as que están máis capacitadas para decidir cal debe ser o nivel de protección do lobo.

 

Por todo o dito anteriorente, ASAGA espera que o Goberno español rectifique e que as comunidades autónomas non se vexan obligadas a recorrer á vía xurídica, como xa adiantou a conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez.