A ASOCIACIÓN AGRARIA DE GALICIA – ASAGA, como organización profesional agraria representativa do sector gandeiro galego, desexa manifestar o seu apoio á creación de plantas de biometano en Galicia como solución estrutural para o sector, principalmente en aquelas zonas cunha alta concentración de actividade gandeira. É nestas áreas, precisamente, onde se incrementan os retos asociados á xestión de xurros e ao cumprimento da normativa ambiental, polo que aquí é onde estas instalacións teñen un mellor impacto.
O sector é coñecedor do gran reto estrutural que afronta, derivado da xestión de xurros e emisións de CO2 nunha contorna de crecente esixencia regulatoria, limitación de solos dispoñibles e aumento de custos.
Esta situación vese agravada polo elemento de inestabilidade que achega a situación xeopolítica actual. ASAGA, en liña con ASAJA en España e Copa-Cogeca en Europa, insiste en que, neste escenario, o sector agroalimentario está a sufrir un importante desgaste, con efectos claros en materia de dependencia enerxética e acceso a fertilizantes. Ante esta situación, as organizacións insisten na necesidade dunha resposta das Administracións, firme e unida, que permita garantir a seguridade do acceso do sector á enerxía e que asegure un subministro a prezos razoables.
É precisamente aquí onde se revela esencial a necesidade de diversificar e impulsar o subministro enerxético e onde unha nova xeración de instalacións de biometano pode marcar a diferenza para un territorio que depende na súa economía tanto do sector primario como Galicia.
É por isto que desexamos trasladar a nosa preocupación ante a crecente dificultade para garantir a viabilidade das explotacións no actual contexto normativo e económico. Estas infraestruturas achegarían ás nosas explotacións os seguintes beneficios:
- Valorización, mellor xestión e trazabilidade dos subprodutos agrogandeiros, acorde coa normativa.
- Estabilidade loxística (recollida/entrega planificada) e redución de incerteza en períodos críticos, contribuíndo á redución de emisións en granxa e almacenamento.
- Valorización agronómica do dixerido/biofertilizante conforme á normativa aplicable e ao plan de abonado, o que se traduce nunha redución do impacto ambiental e do risco de dependencia de fertilizantes externos.
O noso apoio estará condicionado a que os proxectos a desenvolver operen con:
- Implantación de Sistemas de xestión ambiental que controlen toda a cadea de valor, durante toda a vida da planta. ISO 14001
- A aplicación das MTD (mellores técnicas dispoñibles) no deseño, construción e xestión de todos os procesos.
- Control de ruído, olores e emisións, e medidas de estanquidade e boas prácticas.
- Adecuación do dixerido ás necesidades agronómicas locais.
- Xestión responsable do tráfico e rutas, minimizando molestias.
- Medidas de integración paisaxística.
- Información periódica e canle de atención a incidencias/consultas coa comunidade local.
Para conseguilo solicitamos ás administracións locais e rexionais:
- O impulso decidido de proxectos de biometano en Galicia.
- A axilización dos procesos administrativos asociados.
- O recoñecemento do biometano como ferramenta clave para a sustentabilidade do sector gandeiro.
O problema xa existe. Por isto, solicitamos o apoio institucional para avanzar cara á súa resolución en Galicia.
- Galego
- Español
