• galego
  • Español

A Asociación Agraria de Galicia pide ao Ministerio de Agricultura que reabra os mercados gandeiros

A Asociación Agraria de Galicia transmitiulle ao Ministerio de Agricultura unha petición formal para que se reabran os mercados gandeiros, tanto na nosa comunidade como no resto do estado. Actualmente, ao non poder empregar esta canle comercial algúns gandeiros comezaron a distribuir os seus becerros a través de vellos medios de venda que son moito menos rendibles. Durante un tempo aceptouse esta situación ante a crise ocasionada polo Covid-19, pero agora que comezamos a coñecer o plan de desescalada, e que o número de novos contaxios está descendendo diariamente en Galicia e en España; entendemos que chegou o momento de tomar medidas que permitan ir recuperando a actividade normal dos profesionais do sector agropecuario.

Un dos primeiros pasos que se debe dar nesa liña é a reapertura dos mercados gandeiros. Evidentemente, esa iniciativa debe desenvolverse esixindo tódalas medidas de seguridade necesarias para que a saúde dos traballadores e os usuarios dos mesmos non se vexa afectada. Se todos respetan as indicacións sanitarias que se marquen, non debería haber máis riscos que os que se corren cando se vai realizar a compra de alimentos, combustible ou medicamentos.

Sería importante que o Ministerio dese a orde de reapertura o antes posible, porque os becerros estanse acumulando nas explotacións e cada vez hai menos espazo libre nas mesmas. Nos cebadeiros tamén precisan ir incorporando novas cabezas de gando para comezar coas seguintes quendas de cebo.

 

Plan de axudas
Por outra parte, a Asociación Agraria de Galicia quere incidir na difícil situación á que se están enfrentando moitos gandeiros e agricultores. A crise sanitaria vai dar paso a unha dura crise económica global, que está claro que rematará perxudicando tamén a este sector. Consecuencias que poderían comezar por unha máis que posible baixada do prezo dos alimentos e pola caída do consumo dalgúns produtos. Ante este problema, a Consellería do Medio Rural debería deseñar e desenvolver un plan de axudas para tódolos profesionais do sector afectados.

A asociación xa lle trasladou ao conselleiro hai unha semanas unha serie de peticións, entre as que quere destacar as seguintes:

  • É imprescindible unha inxección de liquidez inmediata. É básico e fundamental que a Xunta de Galicia abone tódalas cantidades pendentes de cobro de axudas públicas por parte dos profesionais e empresas do sector agrogandeiro. Por exemplo: as axudas de plans de mellora e incorporacións de mozos, as da PAC, as primas de sacrificio, ou as axudas para proxectos de desenvolvemento rural.
  • O consumo de carne xa empeza a baixar. Na restauración a caída é de máis do 80% e nos fogares xa empeza a notarse, aínda que a caída máis forte será nas vindeiras semanas e meses. Se a isto engadimos que as exportacións están parando e que nas explotacións de leite galegas estanse acumulando as vacas de desvelle e os xatos recien nacidos; o panorama que se aveciña para o sector cárnico principalmente, pero colateralmente tamén para o lácteo, vai ser moi duro. Poderíamos sufrir unha forte caída de prezos e, consecuentemente, unha gran perda de renda dos titulares das explotacións. Por outro lado os costes de produción están subindo. Por exemplo o leite maternizado costa un 20% máis e o pienso 12€ máis por tonelada. Será necesario establecer unha liña de créditos a interés CERO e axudas a fondo perdido e ir buscando saída para os canais en todolos mercados posibles.

Tamén será necesario que a Consellería do Medio rural poña en marcha un plan de axudas para os profesionais do sector agrogandeiro afectados pola crise do Covid-19

Agricultura de autoconsumo
Por último, a Asociación Agraria de Galicia quere agradecer á Consellería do Medio Rural que atendese a petición que lle fixo hai unha semanas, cando lle solicitou que se ampliase a distancia máxima á que os veciños do rural se podían desprazar para coidar hortas ou viñedos destinados ao autoconsumo. Os 500 metros de distancia máxima que marcaba o anterior decreto, eran insuficientes para a realidade territorial galega. Sobre todo para os viñedos.

Por elo, a organización agradece que dende onte xa se poida acceder libremente a calquera cultivo que esté no mesmo municipio no que reside o agricultor, ou que se amplíe a cinco quilómetros a distancia máxima se ten que cambiar de concello.