• galego
  • Español

A Asociación Agraria de Galicia quere mostrar a súa total confianza na cadea de produción e distribución de produtos agroalimentarios

A grave crise sanitaria provocada polo coronavirus está facendo que a sociedade viva nun permanente estado de alarma. Aínda que evidentemente pedimos que a xente sexa prudente e faga caso aos consellos das administracións sanitarias do estado para evitar que aumenten os contaxios, dende a Asociación Agraria de Galicia vémonos na obriga de facer un comunicado no que mostremos a nosa total confianza na estrutura de produción e distribución de produtos agroalimentarios en Galicia e España.

 

Moitas persoas mostraron publicamente que tiñan medo a atopar dificultades para abastecerse de produtos básicos nas tendas e nos supermercados, despois de ver imaxes na televisión na que aparecían estanterías baleiras nalgunhas grandes superficies. Dende a nosa asociación pedimos calma porque, aínda que nun momento puntual un comercio pode quedar sen algunha referencia concreta por un aumento de demanda puntual, ao día seguinte tódalas estanterías volverán a estar cheas xa que a cadea de distribución española é excelente.

A pesar da alarma provocada polo coronavirus, a sociedade debe saber que está garantida a chegada dos bens de primeira necesidade a tódolos comercios de España

 

A produción agroalimentaria non para


No que se refire aos artigos de primeira necesidade, como os produtos agroalimentarios, a confianza ten que ser total. Os nosos gandeiros e agricultores continuan producindo coa mesma profesionalidade, calidade e periodicidade que sempre. Cada día miles de camións se desprazan por España para recoller e distribuir os alimentos producidos polos habitantes do medio rural galego e español.

Os habitantes do noso país teñen que estar seguros de que é totalmente imposible que cheguemos a ter un problema de abastecemento de alimentos. Por dar só un dato. Actualmente, estanse criando ao ano máis de 50 millóns de cabezas de porcino en España. Máis que persoas censadas no estado, que non chegan aos 47 millóns.